Continuamos co proceso extraordinario inicial de inscrición de soci@s ate o 22 de maio. Imos bater récords? Máis ben formulámonos obxectivos para a acción da ANPA.
- Xuntar nais e pais nun colectivo, que queiran axudar con iniciativas a que o IES funcione mellor para os nosos fillos e as nosas fillas no que ten que funcionar: formación e educación.
- Intervir no que se poida no eido colectivo, recollendo información antes de emitir unha opinión. Por exemplo, cunha enquisa xeral ás familias para coñecer a percepción que temos do funcionamento xeral do IES.
- Propoñendo avaliar o funcionamento do programa de libros electrónicos ou tomando a iniciativa da avaliación directamente.
- Estudar os niveis de absentismo escolar e as súas causas. Solicitando consecuentemente a nosa presencia no observatorio municipal.
- Analizando a posibilidade de darlle forma a un banco de libros de texto para os niveis non obrigatorios. E tamén para os libros de lectura e consulta, con vinculación á biblioteca do centro.
- Colaborando na elaboración dun plan de actividades aberto, interdisciplinar e interniveis, relacionadas co mundo da cultura e o deporte.
- Propoñer a debate a necesidade da construción dun novo centro de estudos medios no término municipal.
- Definindo e establecendo un programa de formación de nais e pais aberto a todas as familias e en colaboración con outras Anpas locais.
- Mantendo permanentemente abertas canles informativas dixitais sobre todo o que atinxa e aconteza no IES, e por extensión do que consideremos que poida ser de interese xeral para as familias.
- E moi concretamente, convocar para o inicio do curso 16/17 un concurso entre o alumnado do centro para o deseño do logotipo da ANPA.
Se compartides total ou parcialmente o que propoñemos, invitámosvos a sumarvos a acción. Ficha de inscrición e cota de soci@.
Un saúdo.
XD
Este é o resumo do documento no que estivemos traballando hai uns días na inauguración do local social da Anpa no Instituto. Intentamos salientar as cuestións centrais do que entendemos pode ser a acción inicial da Asociación. Aquí pódese consultar o documento ao completo.